a cargo da escritora Raquel Castro Martínez
O vindeiro domingo, 26 de agosto, o Santuario cañicense da Nosa Señora da Franqueira, abrirá as súas romarías co pregón a cargo da escritora e profesora Dona Raquel Catro.
Naceu e vive en Alxén, Salvaterra de Miño. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, ambas as dúas na USC, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. Dirixe o Grupo de Teatro amador “Ata sempre” de Alxén, Salvaterra de Miño, dende o ano 1999. Dende aquela, escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o de nenos e nenas, ademais de ser Presidenta da Asociación Teatral de Alxén. Esta Asociación é a encargada de organizar as Xornadas de Teatro de Alxén. Ademais imparte talleres de teatro nos institutos onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino. Tamén é Vicepresidenta da Asociación Cultural e Folclórica "Os do Eido" de Alxén e Secretaria da Escola de Xadrez de Salvaterra de Miño.
Dentro da colección Pinguela de teatro, de Fervenza, ten publicadas as obras A vendedora de palabras, A meiga e o emperador, A princesa e o labrego e A Carapuchiña pasa da carapucha vermella. No 2016 saíu, na Editorial Galaxia, As terapias da doutora Ledicia coa que tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Esta obra foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Tamén escribe relato como, por exemplo, Pensamentos (Premio Francisco Fernández del Riego e Un café só (Premio no concurso Igualando a lingua do concello de Cee).
En 2017 publiquou dúas novelas: Nº atómico 74, para público xuvenil (Edicións Fervenza) e Bestiario doméstico, para público infantil (Editorial Galaxia).
O pregón dará comezo ás 6 da tarde no Santuario da Franqueira. Como os poetas e escritores que peregrinaron á Franqueira; Otero Pedrayo, Faustino Rey Romero, Eduardo Blanco Amor; Raquel quere facer unha sentida homenaxe a D. Ramón Cabanillas. O poeta da raza peregrinou en dúas ocasións, recopilando as coplas e o romance do Cristián e o mouro. Isto quedou unha obra imprescindible para coñecer a alma da Romaría da Franqueira que titulou “Romaxes da Franqueira”. O actual auto sacramental que se representa nas romarías e que escenifica a loita dialéctica do cristián e o mouro é obra do poeta cambadés.
Pregón das Romarías da Franqueira
Lugar: Santuario da Nosa Señora da Franqueira
Día: Domingo, 26 de agosto
Hora: 6 da tarde
Para máis información: 609472591/ 986960496/ info@afranqueira.org