CRONOLOXÍA DA FRANQUEIRA
Ano 431. Celébrase o Concilio de Nicea. Proclámase á Virxe María “Theotokos”. O cristianismo venerará desde ese momento á Virxe María como Nai de Deus.
Ano 570. No “Parroquial Suevo” noméanse algunhas parroquias do interior da Diocese, algunhas delas moi preto da Franqueira, como por exemplo: Turedo (Touredo, parroquia de Luneda, limítrofe coa Franqueira); Tabudela (Taboexa, As Neves); Lucoparre (Lougares, Mondariz), Aureas (Areas, no arciprestado do Tea), Langetude (Languda, parroquia de Pías, Ponteareas) ... Polo que os historiadores manifestan a posible existencia de eremitas nesta zona como resultado da evanxelización. Algúns sosteñen que a fundación do cenobio da Franqueira débese ó Bispo S. Martiño de Dumio (+580). O termo Franqueira procede do xermano que significa o “lugar dos homes libres ou homes francos, honrados”.
Ano 572. I Concilio de Braga. No listado de Bispos aparece Anila como Bispo de Tui
Ano 738. Invasións sarracenas capitaneadas por Aucupa. Conforme á tradición foi escondida a Imaxe da Virxe por medo á súa profanación.
Ano 947. Segundo unha tradición, San Rosendo, indo visitar á súa tía Dona Aragonta, fundadora do mosteiro de Salceda, parou na Franqueira e aquí preto tivo a visión da morte da súa tía.
Ano 1024. Invasións normandas.
Non hai constancia da data en que se atopa a imaxe no “coto da vella”. O sorprendente é que segue a ser a “tradición” que se transmite de pais a fillos e que ten o seu senso catequético e devocional. Sabemos de certo que foi venerada nunha ermida e trasladada moi posteriormente ó mosteiro cisterciense e que é unha das advocacións máis antiga de Galicia. A conservación da “tradición” de saír en procesión a Virxe nun carro de labranza fai referencia a este fito.
9 de xuño de 1056. O Rei Fernando I realiza unha serie de doazóns ó mosteiro “in ipsa villa francaria”, sendo abade Alvito.
Ano 1069. Restablecemento da Sede episcopal en Tui.
Xuño de 1147 o rei Alfonso VII confirma en favor do abade Odoario e os seus monxes os dereitos das posesións herdadas de antigo e engadindo o privilexio do coto para o territorio circundante do mosteiro.
S. XII. Gran impulso da devoción mariana promovida polos monxes cistercienses.
Ano 1243. Pedro Eanes, escudeiro, veciño de Santiago deixa en testamento a favor da Virxe da Franqueira doazóns de animais e cereais. "dez talegas de trigo, dez talegas de centeno, cinco carneiros, vinte galiñas e dous bois"
Ano 1293. O mosteiro incorpórase á reforma cisterciense. A opinión xeralizada é que o mosteiro constrúese gracias ás esmolas dos devotos da Virxe.
1335. Conta unha tradición, moi fundada, que Isabel de Aragón, “A Raíña Santa de Portugal”, pasou polo Santuario da Franqueira peregrinando a Santiago de Compostela.
Ano 1343. Construcción da portada románica, tal e como consta na inscrición do lintel e que cita a Frei Gonzalo Primo.
1348: D. Nuño Fernández de Bendaña, arcediano de Raíña na Igrexa de santiago de Compostela, lega cen "maravedíes curtos a Santa María da Franqueira".
19 de decembro de 1361. Johan Gomes, fillo de Gómez Lourenzo de Avión e de Tereija Afonso, escudeiro de Ribadavia deixa en testamento “yr en romaría por min hum home ou moller con oferta e con candea a Santa María da Franqueira”.
S. XIV. D. Payo Sorrodea e Soutomaior, Señor de Salvaterra, dona ós monxes cistercienses os cotos da Franqueira, Cebreiro, Huma, Sendín e Pintelos, con toda a xurisdicción civil e criminal. Son entregadas en agradecemento polos favores recibidos da Virxe e para encomendarse á súa protección el e maila súa muller Inés de Castro. Estas doazóns foron confirmadas por Xoan I e Enrique III.
1449: María Anes, viúva de Gonzalo da Costa, fai doazón do lugar de Fraguas, en Santiago de Parada.
Constanza Alfonso, viúva de Alonso de Salgueiro, veciña de Monzón, fai doazón do lugar de Lueda e Salgueiro coas súas herdades , casas e devesas.
1455: Únese ó mosteiro o beneficio de San Andrés de Huma, facendo a doazón do coto dona Mencía Gómez, filla de Gómez Pérez Serraza.
8 de xaneiro de 1463: Testamento en Lugo de Roi Domínguez, zapateiro, no que se dispón que se enví "hun home en romaría a Santa María de Guadalupe et outro home a Santa María de Franqueyra". (A Gudalupe á que se refire é a de Extremadura)
24 de novembro 1481. O Bispo D. Diego de Muros incorpora á Franqueira o mosteiro de Casteláns coa facenda, propiedades, rendas, dezmos e pertenzas anexas.
16 de agosto de 1521. Ingreso do mosteiro á congregación de Castela. Posteriormente perde a categoría de abadía pasando a ser presidencia.
Ano 1562. Realízase a cruz parroquial. Consta unha inscrición que di “mando azer esta obra fray Leonardo. Año 1.562”.
Ano 1572. O conde de Salvaterra intenta que o mosteiro recupere o título abacial, pero sen conseguilo.
En data incerta D. Pedro González, veciño de Tui, entrega unha doazón no lugar de Fornos na devandita cidade.
Ano 1594. Primeiras Constitucións da Cofradía do Santísimo e da Nosa Señora nos tempos de Frei Antonio Giráldez de Ulloa.
Ano 1656. Frei Nicolás Robles escribe o tumbo da Franqueira con toda a historia do mosteiro. Consérvase no Arquivo Histórico Nacional de Madrid xunto a outros documentos levados alá despois da desamortización.
1689-92: Fanse diversas obras no mosterio, como son, o corredor, a cociña, refectorio, varias celdas, así como tamén na igrexa: o retábulo, o sagrario e unha imaxe do Resucitado.
10 de xaneiro de 1694: Constitucións da Confradía do Santísimo e a Nosa Señora nos tempos de Frei Matías Pastor. Recolle moitas curiosidades sobre as danzas que se realizan na procesión da Virxe.
Ano 1699. Ampliación do ábside da Igrexa, coa súa bóveda. Embelécese o presbiterio cun retablo do que se conservan as imaxes dos fundadores cistercienses. Substituiríase por un baldaquino barroco
1704. Marcos de Orozo realiza un gravado da Nosa Señora da Franqueira dedicado ó P. Frei Antonio de Fuenmaior, ministro xeral da orde cisterciense. Un exemplar pode contemplarse no Museo Provincial de Pontevedra.
1740: Renóvanse algúns artigos das constitucións das Confradías.
1740. Publícase en Madrid “Compendio histórico de las Milagrosas Imágenes de María Santísima que se veneran en los más célebres santuarios de España”, escrito polo P. Juan de Villafañe, S.J. Chega ata nós unha reimpresión publicada en Lérida no ano 1877. No tomo terceiro adícase un capítulo á Nosa Señora da Franqueira.
1750: No censo do Marqués de Ensenada recóllese a vida da Vila, na que, había naquela a hospedería monacal, a botica, catro mesóns, sastre, ferreiros de cabalos, oito arrieiros de viño do Ribeiro, dous “traficantes” que traían os lenzos de telas desde Madrid.
1759: Consta nesta vila, sendo camiño de Castela, a existencia dunha posta de correos.
Ano 1765: Colócase a campá pequena
Ano 1828: Visita o mosteiro de A Franqueira o Príncipe de Saxonia D. Ederico de Est, segundo consta nos gastos da comida que se fixo á comitiva e hóspedes que o acompañaron.
3 de novembro de 1833: Primeiro enterro no Cemiterio parroquial. Este constrúese na antiga ermida da Nosa Señora, no lugar do Santo Cristo.
Ano 1835. Desamortización de Mendizábal, expulsión dos monxes e ruína do mosteiro.
Ano 1858. Colócase a campá mediana sendo párroco D. Domingo Garrido Costal.
Ano 1868: O párroco D. Francisco M. Areal merca en facenda de Pontevedra as ruínas do antigo mosteiro da Franqueira polo prezo de 1.600 reais.
1 de agosto de 1880: D. Francisco M. Areal, ó ser trasladado como párroco para Guillade, doa o antigo mosteiro coas súas reformas á igrexa da Franqueira.
Abril 1883: O mestre canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro realiza a reconstrucción da bóveda do altar que ameazaba ruína.
Ano 1888: Colócase a campá grande. Fundiuse en Braga, Portugal, nos talleres de Narciso Antonio da Costa, sendo párroco D. José Gil Rodríguez. o seu custo foi de 6.8733 reais e os dereitos e paso do Miño 603.
Ano 1893: Solicítase construír unha nova torre na igrexa. Encárgase a obra a D. Ignacio Cerviño Quinteiro
Ano 1895: Finalízase a torre da igrexa
Novembro 1895: Bendícese o ensanche do cemiterio parroquial
O papa Pio IX concede 300 días de indulxencia no rezo da Novena en honor da Virxe.
16 de xullo de 1901. Bendición da Cruz xubilar da Franqueira levantada para conmemorar o Xubileo do ano 1.900. Obra costeada polas parroquias do contorno e realizada polo escultor Ignacio Cerviño Quinteiro. Foi destruída a parte superior por un raio e reconstruída posteriormente. Actualmente, no mes de xaneiro, celébranse desde este lugar as bendicións do “Cerco de San Sebastián”.
8 de setembro de 1906: Inaugúranse as obras de restauración do tellado da igrexa. Elévanse os arcos e as paredes e colócase un novo armazón de madeira
12 de xuño de 1916. Na celebración das Pascuillas o bispo da Diocese D. Leopoldo Eijo Garay manifesta o desexo de que a Imaxe da Virxe sexa coroada canonicamente.
Ano 1920 . Publícanse, durante uns anos, algúns números de “La Franqueira”, periódico do Santuario a iniciativa do párroco D. Angel Espiñeira Otero. Este sacerdote publicou algunha poesía en “O tío Marcos da Portela”
Ano 1922. O pintor ferrolán Fernando A. de Sotomaior visita o Santuario e pinta un cadro de grandes dimensións titulado “Procesión da Virxe da Franqueira” e que se atopa no Salón presidencial do Centro Galego de Bos Aires.
8 de setembro de 1923. Sr. Alejandro Mon entrega as insignias da Gran Cruz e placa de Isabel a Católica á Virxe da Franqueira
Anos 1920-30. Na publicación “La temporada”, periódico que se reparte gratuitamente entre os clientes do Balneario de Mondariz, escríbense diversos artículos sobre o Santuario de A Franqueira. As fotografías son de Pacheco.
Ano 1927. Ramón Cabanillas escribe o libro “Romaxes da Franqueira”
8 de setembro de 1927: O encargado da parroquia D. José Parada, organiza para a noite unha proxección de cine dunha película.
Ano 1929. Edítase en Mondariz Balneario o libro titulado “Historia de Nuestra Señora de la Franqueira. Llamada en lo antiguo N.S. de la Fuente” escrita por Luis Galinsoga e que saíra por fascículos na “Temporada” publicación do Balneario de Mondariz.
Ano 1929. publícase na “Temporada” apuntes sobre o Santuario de A Franqueira, escrito por Manuel Lustres Rivas.
1930: O escultor afincado en Madrid, José Samper, realiza unha tirada de 200 imaxes da Virxe da Franqueira, por encargo do Sr. Peinador.
Ano 1931: Construcción da Casa rectoral no lugar que ocupaba unha parte do antigo mosteiro sendo párroco D. Jacinto Alonso Merino
22 de decembro de 1941. O doutor J. Rodríguez Sobrino escribe o libro “El Santuario de Ntra. Sra. de la Franqueira”. Chegaron a publicarse tres edicións.
Ano 1942. Construcción das capelas do lado norte do presbiterio.
25 de marzo de 1951: Primeiro enterro no novo Cemiterio Parroquial
Ano 1954. Con motivo do Ano Santo Mariano a imaxe da Nosa Señora recorre decenas de poboacións da comarca.
Ano 1955. Construcción das capelas do lado sur do presbiterio.
21 de novembro de 1956. Solicitude do párroco D. Manuel Iglesias Souto ó Sr. Bispo para que se autorice abrir o expediente e pedir da Santa Se a Coroación canónica da imaxe da Nosa Señora da Franqueira.
31 de maio de 1957. Noméase á Virxe da Franqueira Alcaldesa Honoraria de A Cañiza.
9 de decembro de 1957: Decreto do Sr. Bispo polo que se aproba a solicitude de Coroar a imaxe da Nosa Señora e remitir a Santa Sé a documentación necesaria.
11 de febreiro de 1958. Asínase e envíase a Roma o expediente para a coroación canónica.
18 de maio de 1958. Firmase o decreto de coroación polo Enmo D. Friderico Cardenal Tedeschini, arcipreste da Basílica Vaticana, no pontificado de Pio XII.
28 de setembro de 1960. Noméase á Virxe da Franqueira Alcaldesa Honoraria de Arbo.
Ano 1960. O compositor Rogelio Groba compón o himno da Coroación da Virxe da Franqueira sendo gañador dun concurso promovido polo Santuario para a súa utilización na cerimonia de coroación. A letra é de José Díaz Jácome. No ano 2001 o autor fai unha revisión desta obra.
Ano 1960. O compositor Rogelio Groba compón a obra para banda de música “De romaxe á Franqueira”, asinada tamén por I. Fernández.
7 de setembro de 1960. Noméase á Virxe da Franqueira Alcaldesa Honoraria de Mondariz Balneario
1962: Vicente Risco inclúe no seu estudio sobre etnografía a devoción á Nosa Señor da Franqueira e recolle o texto antigo do drama do Mouro e o Cristián antes de ser refeito por Ramón Cabanillas.
21 de xullo de 1963. Celébrase a Coroación canónica de mans do Bispo da Diocese Frai Xosé López Ortiz. Están presentes tódolos bispos de Galicia. A data que estaba prevista suspendérase pola enfermidade grave do Papa Xoan XXIII, que faleceu no mesmo día en que ía ser coroada a Imaxe.
25 de marzo de 1966. O Sr. Bispo Frei Xosé López Ortiz designa o Santuario da Franqueira templo xubilar con motivo do Xubileo Conciliar, celebrando así o remate do Concilio Vaticano II.
Xuño 1966: Celébrase a primeira Marcha Penitencial. Esta peregrinación nocturna será organizada durante varios anos.
2 de xuño de 1968. No Coto da Vella foi colocada e bendicida unha réplica en pedra da Virxe da Franqueira lembrando o lugar onde a tradición conta que foi atopada a Imaxe da Nosa Señora. A imaxe foi esculpida polo Sr. Celso Calviño García, natural de Freixo, Celanova.
Inícianse novos proxectos para a Franqueira e únense artistas como o escultor Xoán Piñeiro e o pintor Lugrís.
22 de xaneiro de 1972: D. Ramón Otero Pedraio organiza unha Misa en sufraxio polo escritor e sacerdote D. Faustino Rei Romero falecido en Buenos Aires. A Misa celebrouse en galego e estiveron presentes intelectuais e periodistas de toda Galicia, entre eles, o P. Xeisas, que noutras ocasións celebrou tamén no santuario
1973: Visita o santuario o escritos Eduardo Blanco Amor
Decembro de 1973. Con motivo do Ano Santo da Redención de 1.975 desígnase o Santuario da Franqueira como Templo Xubilar sendo Bispo D. Xosé Delicado Baeza.
24 de xullo de 1974: Edítase a obra de Ramón Cabanillas “As romaxes da Franqueira” en Edicións Castrelos de Vigo
Xullo 1978: Constitúese a asociación de “Amigos del Santuario de Nuestra Señora de la Franqueira. Únense a esta iniciativa diversas personalidades da intelectualidade galega.
1981: O músico Benjamín Fernández Pazos compón un Himno á Nosa señroa da Fonte con letra de Vázquez Lamartín
1983: Constrúense os aseos para os peregrinos.
Ano 1984. Bendición da Cruz que coroa a Paradanta. Na fada da montaña están tres cruces monumentais que estaban destinadas a construír un gran Vía Crucis.
Constrúense os tellados novos do presbiterio e das capelas.
Ano 1986. Unha réplica da Imaxe da Franqueira peregrina ó Santuario de Torreciudad (Aragón), xunto ás imaxes da Peregrina de Pontevedra e Os Remedios de Ponteareas.
1987: Construcción do tellado novo da nave da igrexa e restauración interior.
Anos 1988-89. Ano Santo Mariano. Designase o Santuario da Franqueira Templo Xubilar.
Ano 1989: A Adoración Nocturna Española da Diocese de Tui-Vigo con motivo do Ano Mariano, celebra os primeiros sábados de mes unha vixilia de Adoración Eucarística.
Maio 1988: Con motivo do Ano Mariano celébrase a Asemblea Diocesana de Catequistas no Santuario da Franqueira.
23 de xullo de 1988. Celebración do XXV aniversario da Coroación. O Bispo D. Xosé Cerviño Cerviño consagra a Diocese á Nosa Señora da Franqueira.
1991: Construcción da Casa rectoral. Esta edificación fora realizada nos anos trinta na ala do mediodía do antigo mosteiro.
8 de setembro de 1991: Televisión de Galicia retransmite en directo a Celebración da Misa solemne e procesión da Franqueira con extensas entrevistas ó Sr. Bispo e outras personalidades.
1993. O P. Yánez Neira, Monxe cisterciense de Oseira publica un traballo titulado “El monasterio- santuario de Nuestra Señora de la Franqueira” na revista “Nova et vetera” Zamora.
1995: Restauración da imaxe da Nosa Señora da Franqueira.
1996: Realízase unha imaxe procesional da Nosa Señora da Franqueira.
1998: Empedrado do adro do templo.
1999. D. Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, publica o discurso de entrada na Academia das artes Nosa Señora do Rosario co traballo dedicado ó Mosteiro cisterciense de A Franqueira.
16 de abril de 1.999. Concédese licencia eclesiástica para a publicación dunha nova “Novena á Nosa Señora da Fonte da Franqueira”
17 de xuño de 1999. Decláranse as Romarías da Franqueira “Festas de interese turístico” por parte da Xunta de Galicia.
Ano 2000. Con motivo do Ano Santo o Santuario da Franqueira é designado Templo Xubilar.
O Sr. Bispo, D. Xosé Diéguez Reboredo, anuncia o desexo de celebrar un Sínodo Diocesano. Comezan os traballos sinodais que culminarán nos grupos sinodais e nas Asembleas sinodais.
Xullo 2000: I Festa Homenaxe ós Maiores. Celébrase cada ano no último domingo de xullo.
Outubro de 2003: I Peregrinación do Rosario. Con motivo do ano do Rosario celébrase unha peregrinación desde A Lamosa ata A Franqueira co rezo do Santo Rosario
17 de novembro de 2003. Con motivo do 40 aniversario da Coroación Canónica o Papa Xoan Paulo II envía unha bendición a tódolos devotos da Virxe da Franqueira
Agosto 2005. I Subida á Paradanta e ó Coto da Vella. O primeiro sábado de agosto organízase unha peregrinación de oración ata o cumio da montaña
23 de outubro de 2005. Apertura do Sínodo Diocesano na Catedral de Tui.
18 de marzo de 2006. Despois de varios anos de traballo celébrase a clausura do XVI Sínodo Diocesano de Tui-Vigo. A Imaxe da Virxe da Franqueira trasládase ó IFEVI (Vigo) xunto ás imaxes do Cristo da Victoria e San Telmo para a celebración da Eucaristía presidida polo Nuncio Mons. Manuel Monteiro de Castro e a presencia de tódolos bispos de Galicia.
Xuño 2007: A hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Tui-Vigo entrégalle á Virxe da Franqueira un fragmento de rocha da Gruta de Masabielle onde tiveron lugar as aparicións da Virxe María a Bernardette Soubirous.
2007: Arranxo do pavimento interior do templo
8 de setembro de 2007: Publícase o “Devocionario do Santuario de Nosa Señora da Franqueira”.
Outubro 2007: I peregrinación ó Santuario de Lourdes.
8 de setembro de 2008: Sae á luz o primeiro número do “Boletín informativo do Santuario da Franqueira” cunha tirada de 2.000 exemplares
29 de novembro de 2008: A imaxe procesional da Nosa Señora da Franqueira preside a apertura do Ano Xubilar na Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. A celebración, presidida polo Sr. Arcebispo Mons. Barrio e concelebrada polo Bispo emérito de Tui-Vigo D. Xosé Cerviño, inaugura os mil anos da parroquia pontevedresa. A imaxe procesional polas rúas da capital provincial.
13 de maio de 2009: A imaxe procesional da Nosa Señora da Franqueira trasládase a Vigo para participar na celebración dos 50 anos da parroquia de Fátima. Nesta ocasión acolle, xunto coa imaxe de María Auxiliadora a imaxe peregrina de Fátima, Portugal
14-15 de maio de 2009: A imaxe peregrina de Fátima, Portugal permanece durante estes dous días na Franqueira. Teñen lugar diversas celebracións organizadas polo arciprestado de Montes-Mondariz e con gran asistencia de sacerdotes e fieis.
2009: O Santuario da Franqueira constrúe en Kasempa, Zambia, unha pequena Igrexa dedicada á Nosa Señora da Franqueira. Nesta misión realiza a súa tarefa pastoral o sacerdote diocesano D. José Manuel Gándara.
2009, e seguintes: O grupo de comunicación Vocento ó que pertencen moitos dos xornais de España inclúe a medalla da Virxe da Franqueira nunha entrega das “Devociones de la Virgen en España”
15 de agosto de 2009: I Certame de Música antiga
26-27 de xullo de 2010: A Cruz e o ícono das Xornadas Mundiais da Xuventude visita a Franqueira con motivo da peregrinación que se está a realizar polas dioceses españolas como preparación á XMX en Madrid no 2011. O arciprestado de Montes-Mondariz, a Delegación de Pastoral xuvenil e a Renovación Carismática católica organizan unha vixilia de oración. O día 27 ten lugar un retiro para sacerdotes dirixido polo abade de Oseira.
14 de agosto de 2011: Celébrase unha vixilia de oración cos membros da peregrinación de xoves da Bertaña francesa e presididos polo seu bispo. Estes peregrinos están a participar nos días na diocese, previos á XMX Madrid 2011.
2011: Restauración exterior do templo
28 de febreiro de 2012: A Penitenciaría apostólica concede, a solicitude do Sr. Bispo D. Luis Quinteiro Fiuza, a celebración dun Ano xubilar con motivo dos 50 anos da Coroación canónica da imaxe da Virxe da Franqueira. Será inaugurado o 8 de decembro.
23 de abril de 2012: O Penitenciario Maior, Cardenal Manuel Monteiro de Castro, asina o decreto das indulxencias que se conceden pola concesión que será asinada ó día seguinte
24 de abril de 2012: O Cardeal Santos Abril, Archipresbítero da Basílica papal de Santa María a Maior de Roma, concede o especial vínculo espiritual do Santuario da Franqueira con esta Basílica.
11 de outubro de 2012: Apertura do Ano da fe en Roma con motivo dos 50 anos da apertura do Concilio Vaticano II e os 20 da publicación do Catecismo da Igrexa Católica.
12 de outubro de 2012: Apertura do Ano da fe na Catedral de Tui presidida polo Sr. Bispo D. Luis Quinteiro que asina o decreto polo que se nome o Santuario da Franqueira Tempo xubilar con motivo do Ano da Fe.
16 de outubro de 2012: Un grupo de peregrinos camiño de Lourdes levan unha imaxe da Virxe da Franqueira para depositar na galería de imaxes do Santuario de Torreciudad. Substitúe a que foi colocada alí no ano 1984, que era de baixa calidade.
8 de decembro de 2012: Apertura do Ano Xubilar concedido polo Papa Bieito XVI con motivo do 50 aniversario da Coroación Canónica da Virxe da Franqueira. Publícanse diversos materiais para o Ano Xubilar: Libro do peregrino, O camiño xubilar, Cómic, e materiais para os nenos. Tamén se realizan diversos materiais audiovisuais para uso con nenos e xoves, así como os relatos “Nosotros somos tu corona”
21 de xullo 2013 celebración do 50 aniversario da Coronación Canónica da Imaxe da Nosa Señora, presidida polo Sr. Bispo D. Luis Quinteiro Fiuza, na que se imparte a Bendición papal. Asistiron unhas 40 parroquias e máis de 2.00 fieis.
27 de setembro- 27 de outubro: Celébrase na Casa das artes de Vigo a exposición “Magníficat”. Os comisarios, D. Santiago Vega e D. Andrés Fuertes, presentan en tres espacios a historia, devoción e as romarías da Franqueira. Publícase un catálogo que recolle todas as pezas expostas e os estudios dos investigadores: D. Domingo Luís e Dona Marta Cendón, profesores na Universidade de Compostela e D. Xosé Diéguez, deán da catedral de Tui. Visitan a exposición máis de 2.000 persoas.
8 de decembro de 2013: Clausura do Ano Xubilar presidido polo Sr. Bispo, na que se presenta bendición concedida polo Papa Francisco ós peregrinos da Virxe da Franqueira. Durante o ano xubilar, asemade das celebracións das Romarías que foron multitudinarias, acudiron en grupos parroquiais e diversas asociacións unhas 4.500 persoas. Peregrinos que recibiron o diploma entregado este ano unhas 3.500.
2015: O santuario da Franqueira, antigo mosteiro cisterciense, queda incorporado á asociación da “Ruta europea de abadías e lugares cistercienses” coa súa sede en Citeaux, e que ten o recoñecemento do Consello de Europa.